O 30 de
outubro visitamos, xunto cun grupo de alumnos e alumnas colaboradores da
biblioteca, a libraría “A lus do candil” onde fomos recibidos por Modesto
Fraga, un dos seus propietarios que nos guiou pola exposición “Eu nacín antes
de tempo”, unha homenaxe a Asunción Antelo -alcumada a Rosalía de Bergantiños-
que foi poeta e artista autodidacta e polifacética. Arredor da celebración do
seu centenario, diversos creadores plásticos (como Viki Rivadulla, Mon Lendoiro,
Peter Schneider, Milagros Cotelo, etc.) e escritores (Rosalía Fernández Rial,
Nolo Suárez, Mercedes Queixas ou Modesto Fraga) recrearon o labor artesanal
desta rexoubeira que tanto compoñía un poema como tallaba a madeira e moldeaba
o barro.
Ademais, tivemos ocasión de que
Modesto nos explicase que o nome da libraría, tomado dunha obra de Ánxel Fole,
representa o desexo de que esta sexa un espazo sempre aberto á luz do
coñecemento. E tamén, dado que é un dos poetas máis recoñecidos da súa
xeración, nos explicou o seu proceso de escrita e as claves da súa propia obra.
Rematamos a visita cun improvisado recital poético: Modesto leu o texto que
forma parte da exposición e convidou aos poetas do grupo a que se sumasen lendo
os seus.
Ningún comentario:
Publicar un comentario