Amosando publicacións coa etiqueta EXPOSICIÓNS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EXPOSICIÓNS. Amosar todas as publicacións

domingo, 16 de xuño de 2019

Identifica as árbores do patio

O departamento de Bioloxía xunto co Equipo de Dinamización Lingüística do Centro elaborou unha guía das especies arbóreas do centro. Podedes desfrutar da exposición que está situada fronte á cafetaría e o máis importante, tratar de localizar as distintas árbores coa axuda do mapa que acompaña a mostra.



Exposición sobre as Misións Pedagóxicas

Aínda podedes desfrutar da estupenda exposición que a Biblioteca montou ao redor das Misións Pedagóxicas. É unha parte importantísima da nosa historia que convén coñecer e recordar.

Entre os anos 1911 e 1936 desenvolveuse en España unha experiencia en educación popular tan orixinal como interesante. Un conxunto de ensinantes, escritores e artistas (maioritariamente novos) percorreron a xeografía española levando libros, películas, obras de teatro e títeres a localidades e aldeas campesiñas, algunhas aínda moi illadas.

Manuel Bartolomé Cossío foi o pedagogo que impulsou as Misións Pedagóxicas:
- "Mestres e libros é a gran sementeira que ten de facerse en España".
- "Hai que espertar o amor pola lectura, levando libros ás xentes que agora non van nin irán á escola, e facéndolles, coa lectura en voz alta, como fan as Misións, gustar dos praceres que os libros encerran".

Algúns destes mestres e mestras que participaron no proxecto foron: Luis Cernuda, Carmen Muñoz, Rafael Dieste, Maruja Mallo, José Val del Omar, Alejandro Casona, María Zambrano, Miguel Hernández ou Federico García Lorca.

Moitos destes mestres e mestras foron represaliados tras a guerra civil.

A importancia do seu legado non pode quedar no esquecemento.






xoves, 6 de xuño de 2019

Exposición: a industria

Fronte a cafetaría tedes unha estupenda exposición sobre A Industria, como parte final do interesante traballo realizado polo alumnado na materia de Xeografía e Historia. Trátase dun traballo de investigación sobre este sector que incide de forma especial nos países de deseño e xestión dos productos en contraste cos países de fabricación.
Antes de cortar as etiquetas da roupa, ás veces tan molestas, non vos esquezades de botarlles unha ollada, pois a información que nos proporcionan pódenos abrir moito os ollos.

Día das Letras Galegas

Antonio Fraguas foi o autor conmemorado este ano no Día das Letras Galegas.

O alumnado do centro elaborou un fermoso cartel con diversos debuxos do autor, un dos cales foi elexido para a chapa coa que o  Equipo de Dinamización Lingüística nos agasallou este curso.
Ademais podedes consultar unha selección de obras literarias que co gallo desta data se elaborou na biblioteca.



mércores, 10 de abril de 2019

Maquetas de lecturas

O alumnado de 2ESO realizou na materia de Lingua castelá unhas maquetas das lecturas desta avaliación. Podedes ver os seus fermosos traballos sobre os libros Nunca seré tu héroe, El príncipe de la niebla, El niño con el pijama de rayas o Escartín en Lima.

Tras a lectura das novelas tiveron que pensar e sintetizar, expresar plásticamente e explicar o proceso aos seus compañeiros. Un traballo ben completo que deu como resultado unhas pezas moi fermosas.








O número PI

A profesora Fernanda Ramos, do departamento de Matemáticas, organizou co alumnado de 1ESO unha exposición chulísima sobre o número Pi para conmemorar o seu día, que foi o 14 de marzo (3.14, eh?).

Nela podedes descubrir unha morea de curiosidades sobre este número tan especial, entre elas un xogo lingüístico chamado"esopía". A rapazada de 1ESO fixo unhas creacións marabillosas!









Mascarada

O alumnado de 3ESO realizou un fermoso traballo de deseño de máscaras na materia de Plástica que podedes desfrutar a carón da cafetaría. Non volo perdades!



mércores, 3 de abril de 2019

Exposición CALIGRAMAS

O profesor de Galego, Ramón Echeverri preparou co alumnado de 4º ESO unha exposición sobre os caligramas como mostra representativa do espírito rompedor e creativo das vangardas.

Aquí tedes os caligramas que fixeron este curso. Chulísimos!!!!!!!!!!




luns, 11 de marzo de 2019

Irmáns García Naveira - Transformacións

A profesora e artista Rosana Carnero sorprendeunos a todos con esta mostra creativa e artística sobre as iniciativas e transformacións socio-culturais que levaron a cabo os irmáns García Naveira en Betanzos. O traballo foi realizado polo alumnado de 4ESO da materia de Plástica.
O grupo converteu un corredor do noso centro nun pequeno Betanzos de comezos do século XX.
Se damos unha voltiña pola exposición poderemos ver a escola, o lavadeiro público, o asilo e centro social e o parque do Pasatempo.
Ademais, formúlasenos unha pregunta ben interesante que chama a atención sobre a nosa implicación e responsabilidade coa contorna: Se che tocara a lotaría, que farías? Unha escola, un asilo, un centro social, un lugar público de recreo...? Os irmáns García Naveira fixeron todo isto devolvendo á súa terra parte do froito do seu traballo na emigración americana.














martes, 26 de febreiro de 2019

Exposición "Muller tiñas que ser..."



Para conmemorar o 8 de marzo, Día da Muller, montamos na Biblioteca a exposición “Muller tiñas que ser…” formada por unha manchea de volumes escritos por mulleres que podedes disfrutar. Entre eles figuran:

-O puño e a letra, de Yolanda Castaño, o primeiro cómic poetry en galego. A autora é, ademais de poeta a dinamizadora cultural, a creadora da residencia literaria 1863, sita na Coruña nun edificio que se construíu ese ano emblemático no que Rosalía de Castro publicaba Cantares Gallegos.

-Todos deberiamos ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie. Un ensaio moi necesario sobre a maneira en que as mulleres deben ocupar o seu lugar no mundo.

-Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes, de Elena Favilli e Francesca Cavallo. Os contos tamén nos transmiten estereotipos que é necesario superar. Neste volume as autoras recollen as extraordinarias vidas de 100 mulleres valentes que cómpre coñecermos.

-La mujer en el mundo, de Joni Seager. Atlas de xeografía onde podemos comprobar como lle afecta á muller a desigualdade mundial.

-Camioneras, de Bel Olid. Un cómic sobre a igualdade laboral das mulleres.


luns, 25 de febreiro de 2019

Encher Arteixo de amor

E se enchemos Arteixo de palabras de amor? E se compartimos imaxes de tenrura e paixón?
Cal cres que sería o efecto?

Esa foi a proposta que lanzamos na semana do 14 de febreiro.
e que fixemos? pois queriamos que o alumnado escollera unha poesía e a relacionara cunha imaxe relativa ao amor do mundo da Arte.

e para que vexades a idea proposta por Ana Barral, aquí tedes as fotos.






chulo eh..?

martes, 12 de febreiro de 2019

Mostra de material reciclado polos alumnado de 4ESO

O alumnado da materia Cultura Científica que imparte a profesora Chus Arias en 4 ESO traballou a reciclaxe de materiais dentro do proxecto Transformacións.

A actividade consistiu en reciclar roupa vella para facer bolsas. O resultado foi incrible!!!!!! A verdade é que despois de ver estas transformacións  anímamonos a dar unha nova vida a nosa roupa .

mirade que chulada