Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CLUB DE LECTURA. Amosar todas as publicacións

luns, 10 de xuño de 2019

Excursión do club de lectura

O venres 31 de maio celebramos a excursión anual do club de lectura. Alá fomos toda a tropa ata Coruña a desfrutar nun abafante día de sol de dúas visitas pola Cidade Vella.

A primeira levounos ata o Arquivo Histórico do Reino de Galicia, situado a carón do romántico xardín de San Carlos. Alí puidemos coñecer o sistema de conservación, consulta e restauración de documentos históricos e administrativos da provincia da Coruña. A parte que máis nos gustou foi o laboratorio de restauración onde gozamos moitísimo. Seguimos con atención a explicación de cada un dos pasos que levan a un documento case desfeito a converterse nun documento útil para o seu manexo. Asombroso.

A segunda parada foi no Museo Arqueolóxico do Castelo de San Antón. Alí puidemos curiosear polos recunchos deste antigo cárcere e admirar as obras expostas.

Aproveitamos este post para dar as grazas ás estupendas guías que nos descubriron todos os segredos destes lugares.





mércores, 10 de abril de 2019

Escenificacións do club de lectura

Os membros do club de lectura de 1º e 3º ESO puxéronse na pel de importantes mulleres da nosa historia para contar as súas vidas polas clases do centro.

Deste modo, visitaron as aulas: a sufraxista Kate Shepard, a pirata Grace O'Malley, a matemática Ada Lovelace, a pedagoga Maria Montessori ou a científica Rita Levi-Montalcini.

Se queredes coñecer as súas incribles vidas e o importante papel que desenvolveron, podedes consultar algún dos libros da biblioteca como Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes ou Pioneiras.




luns, 28 de xaneiro de 2019

Encontro con Maite Mosconi

A escritora Maite Mosconi visitou o centro o venres 25 de xaneiro e tivo un marabilloso encontro cos membros do club de lectura de 3ESO. O grupo viña de ler a súa novela Gaedheal, a súa opera prima.

Foi unha charla chea de entusiasmo por todas as partes. A escritora falounos da súa formación e da construción da novela; foi debullando os seus mapas emocionais e o que quería acadar durante a escritura do texto. O alumnado foi pasando por todos os estados: dende a contención inicial, as preguntas tímidas, os comentarios apaixonados e o acoso e abrazo final:)

Grazas por tanta cercanía e implicación! Foi, dende logo, un deses encontros que quedarán gravados nas nosas memorias.

mércores, 23 de xaneiro de 2019

Reunión clube de lectura adultos



Unha xuntanza á hora do café falando dun libro, que che parece?






O pasado martes 22 de xaneiro tivemos a primeira reunión do clube de lectura  de adultos para falar do libro Patria de Fernando Aramburu.
A verdade é que resultou unha xuntanza moi agradable na que algúns profes e Heriberto 
( representante da AMPA) compartimos opinións sobre a lectura deste libro. 









luns, 8 de outubro de 2018

Clube de lectura de adultos

Agora que chega o outono, apetéceche o plan de manta, sofá e un bo libro?

Patria, de Fernando Aramburu, é unha historia que atrapa sobre un pasado que todos vivimos.

O martes 11 de decembro arrinca o clube de lectura de adultos. Falaremos desta obra nunha xuntanza informal na biblioteca a partir das 15 horas.


venres, 5 de outubro de 2018

Benvidos a este novo curso escolar!

Benvidos a este novo curso escolar! 

Dende a biblioteca imos traballar co proxecto Transformacións II.
Queremos coñecer aos homes e mulleres que axudaron a transformar o mundo. Todos os departamentos do centro están dispostos a colaborar e xa temos moitos grupos buscando información sobre personalidades que melloraron o mundo.


Resultado de imagen de einstein
EU CREO QUE CONTRIBUÍN A CAMBIAR O MUNDO!


E o muro caeu... 
Transformaría o mundo?

Fun muller, fun escritora... Revolucionei a literatura galega?

(Don't let me down, let it be, yesterday, imagine, Penny Lane, in my life, something...)

mércores, 27 de xuño de 2018

XINCANA DO CLUB DE LECTURA

Como fin de festa das actividades do club de lectura celebramos unha xincana lúdico-literaria na contorna do instituto. O que ía ser tan só un roteiro por Arteixo con lectura de poemas, transformouse grazas ás ideas e bo facer das alumnas de 2ESO nunha preciosa e multidisciplinar actividade que nos encheu de ledicia. Ademais, o sol tamén decidiu quentar a tope, así que todo brillou nesta xornada.

O percorrido comezou detrás da piscina. Lara e Jessica interpretaron a dous personaxes d'Os xogos da fame e, despois de ler o poema de Manuel María "Bando", invitaron o resto dos membros do club a emparellarse e competir por "distritos". Primeiro, xogo da pita cega; logo, carreira con balón entre peito e peito e despois outra cos pés anoados e por último, carreira libre final para conseguir a tarxeta co Sinsajo que os invitaba a seguir ata a seguinte estación.

No camiño do río agardaban Laura F. e Magdalena, esta vez interpretando a personaxes de Corredores de sombras, que lles propuxeron montar varios puzzles coas runas do libro. Foi máis difícil do que pensaban e aínda tardaron un bo anaco, de feito, como tiñamos algo de présa, non puideron rematar. Do que si dou tempo foi de ler o poema de Paula Carballeira, "As pequenas cousas".

Andando andando chegamos ata o parque. Alí xa estaban preparadas Ainhoa C. e Lucía, caracterizadas de personaxes de Harry Potter.  Tras ler o poema de Carlos Negro "Declaración de independencia", fixéronlle unha proposta ao grupo: decidir cal era a mellor casa, Ravenclaw ou Griffindor. E como decidilo? Pois co xogo máis popular en Howargts, por suposto, o Quidditch.

Aínda había outra proba preparada, a que deseñaran Laura G. e Ainhoa L. sobre O corredor do labirinto, pero desgraciadamente non nos deu tempo a facela pois xa era hora de regresar ao instituto. Para o curso que vén, xa sabemos que precisamos de algo máis de tempo para esta actividade porque por suposto, xa está institucionalizada!

Para o que si deixamos un tempiño foi para unha pequena merenda e coa calor que ía, os zumes baixaron nun intre!

Nas seguintes fotos e vídeos podedes facervos unha idea do ben que o pasamos.








LECTURAS DO CLUB

Este curso os membros do club de lectura Refuxio Murguía leron moito e moi ben.

Os catro grupos que funcionaron este ano comezaron con relatos de medo como "El almohadón de plumas", de Horacio Quiroga, "El regalo", de Roald Dahl o "El hombre lobo", de Eugene Field. A profe Pilar Zapico fixo unha escolma chulísima e terrorífica. Moitas grazas!
Ata o alumnado de Ana Díaz se animou a facer unha lectura dramatizada de "El almohadón de plumas" para festexar o Samaín.

Dous dos grupos foron moi teatreiros este curso. O coordinado por Ana Díaz leu Coraline, de Neil Gaiman, e repartindo escenas e personaxes foron deseñando a súa lectura dramatizada mes tras mes.
O coordinado por Isabel Rodríguez e máis tarde por Gaiferos Parrado elixiu Peter Pan para desenvolver as súas dotes dramáticas. E querendo dar un paso máis incluso se animaron a facer un guion para unha curta.

O grupo coordinado por Pilar Zapico elixiu dúas obras ben fermosas: El curioso incidente del perro a medianoche, de Mark Haddon, e El libro del cementerio, tamén de Neil Gaiman.

E finalmente, o grupo coordinado por Ana Barral decidiu ler Wonder, de R. J. Palacio, e Eleanor & Park, de Rainbow Rowell. Empezaron tamén con O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro, pero xa non deu tempo a máis.

Seguro que todos os membros de Refuxio Murguía contaranvos marabillas destas obras, pois lles gustaron moito.

venres, 27 de abril de 2018

DON QUIXOTE


Aquí vos deixamos un vídeo que recolle os mellores momentos das actividades feitos arredor do libro e da lectura en conmemoración do Día do Libro. Grazas a todas e todos, alumnado e profesorado, por participar e facer cousiñas tan creativas!

"A lectura é á intelixencia o que o exercicio é ao corpo." (Richard Steele)
"Un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que espera; destruído, un corazón que chora." (Proverbio hindú)


martes, 27 de febreiro de 2018

Lectura dramatizada

 Lectura teatralizada dun conto de medo de Horacio Quiroga: 

El almohadón de plumas

Os  alumnos de Oratoria de primeiro da ESO e do Club de Lectura dirixidos por Ana Díaz leron este conto  de medo na biblioteca.


Metidos totalmente no papel. No sofá xace morta a protagonista da historia...













martes, 30 de xaneiro de 2018

IMOS AO CINE

De camiño ó cine para ver Wonder

Todos felices

Unha frase para pensar

Pois estamos de acordo!!

soache?

Outro pensamento que pode axudar a elexir. Na biblioteca escollemos ser amables. E ti?

Esta é unha película baseada nun libro que temos na biblioteca e que o clube de lectura leu nesta avaliación coa profesora Ana Barral.