martes, 10 de abril de 2018

PENSAMENTO CRÍTICO: O MAGO DE OZ

Xa sabedes que o noso proxecto deste curso xira arredor do concepto de transformación. Rematamos esta segunda avaliación cun novo festival centrado no personaxe do Espantallo do Mago de Oz que nos permitiu reflexionar sobre a nosa capacidade para pensar utilizando o cerebro que el non posúe e desexa. 
O festival comezou cunha pequena representación teatral do diálogo entre Dorothy e o Espantallo, ao que descolgamos do seu pau para que poidese seguir con nós na busca do espírito crítico. Tamén proxectáronse imaxes de aforismos de autores coñecidos mais tamén urbanos e anónimos, imaxes de grafitis de Banksy, de fotografía filosófica e poética e que invitaban a reflexionar ao ritmo das pandereteiras do centro e do baile dunha global muiñeira en versión hip hop. Houbo por outra banda unha homenaxe a Forges, falecido recentemente, coa proxección dunha escolma das súas viñetas mentres unha alumna bailaba unha muiñeira tradicional para el. E por se fose pouco aínda tivemos tempo de recomendar libros de filosofía e gozar coa interpretación dunha alumna que representou un fragmento do "Radiofonista pirado". Tamén houbo oco para as cancións en directo da man dun alumno que nos deixou claro que hai  diferentes "Maneras de vivir" o espírito crítico. 



Ningún comentario:

Publicar un comentario