xoves, 6 de xuño de 2019

Exposición da materia de Latín

Sabedes a que fai referencia a frase "Tempus fugit"? E a palabra "Etcétera"? Sóavos o dito "Verba volant, scripta manent"?

Na biblioteca e polos corredores do centro podedes desfrutar do marabilloso traballo realizado polo alumnado na materia de Latín.

Ademais de coñecer curiosidades sobre sentencias e frases feitas que seguro vos soan un montón, poderedes descubrir a interesante figura de Hipatia de Alexandría, unha matemática extraordinaria do século IV. Se queredes saber algo máis dela tamén podedes ver a película Ágora, do director español Alejandro Amenábar.






Festival CinEOI

O instituto participou un curso máis no Festival CinEOI, o festival do audiovisual organizado pola Escola Oficial de Idiomas da Coruña.  Foron varios os grupos participantes do noso centro que acadaron algún dos premios. Así, na Categoría Xuvenil:
1º premio: "No ollo inimigo".
2º premio: "Acoso nas aulas".
3º premio: "Enfermedades mentais"/ "Rúa do percebe".
Ademais, un dos Premios do Público foi tamén para o traballo do instituto: "O monte".
Estes traballos foron desenvolvidos nas aulas de Lingua Galega e contando coa colaboración do profesorado do devandito departamento. Parabéns ao alumnado participante e gañador e parabéns ao profesorado que tanto se implica neste proxecto.

luns, 6 de maio de 2019

Save the Children

O instituto participou na actividade Marcadores Solidarios da ONG Save the Children. O alumnado de 1º e 2º ESO logo de ser informados sobre o labordesta prestixiosa organización, recibiu un conxunto de marcadores de lectura que debía ilustrar para despois vender. O dinero recadado foi entregado á ONG.

Concerto de Sés

A forza de Sés bateu contra o alumnado que acudiu a escoitala no Centro Ágora da Coruña. Entre canción e canción, adicou ao público palabras combativas e comprometidas. A súa enerxía conquistou e contaxiou a toda a rapazada!






Pradolongo

En abril parte do alumnado acudiu á proxección da película Pradolongo no Centro Cívico e tivo a sorte de participar nun coloquio posterior co director Ignacio Vilar. A esta cita acudiron outros centros da contorna.
O alumnado desfrutou moito das aventuras destes tres rapaces e da súa entrada á madurez. Foi un encontro ben interesante do que vos deixamos algunhas fotos.




mércores, 10 de abril de 2019

Escenificacións do club de lectura

Os membros do club de lectura de 1º e 3º ESO puxéronse na pel de importantes mulleres da nosa historia para contar as súas vidas polas clases do centro.

Deste modo, visitaron as aulas: a sufraxista Kate Shepard, a pirata Grace O'Malley, a matemática Ada Lovelace, a pedagoga Maria Montessori ou a científica Rita Levi-Montalcini.

Se queredes coñecer as súas incribles vidas e o importante papel que desenvolveron, podedes consultar algún dos libros da biblioteca como Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes ou Pioneiras.




Maquetas de lecturas

O alumnado de 2ESO realizou na materia de Lingua castelá unhas maquetas das lecturas desta avaliación. Podedes ver os seus fermosos traballos sobre os libros Nunca seré tu héroe, El príncipe de la niebla, El niño con el pijama de rayas o Escartín en Lima.

Tras a lectura das novelas tiveron que pensar e sintetizar, expresar plásticamente e explicar o proceso aos seus compañeiros. Un traballo ben completo que deu como resultado unhas pezas moi fermosas.