mércores, 27 de xuño de 2018

XINCANA DO CLUB DE LECTURA

Como fin de festa das actividades do club de lectura celebramos unha xincana lúdico-literaria na contorna do instituto. O que ía ser tan só un roteiro por Arteixo con lectura de poemas, transformouse grazas ás ideas e bo facer das alumnas de 2ESO nunha preciosa e multidisciplinar actividade que nos encheu de ledicia. Ademais, o sol tamén decidiu quentar a tope, así que todo brillou nesta xornada.

O percorrido comezou detrás da piscina. Lara e Jessica interpretaron a dous personaxes d'Os xogos da fame e, despois de ler o poema de Manuel María "Bando", invitaron o resto dos membros do club a emparellarse e competir por "distritos". Primeiro, xogo da pita cega; logo, carreira con balón entre peito e peito e despois outra cos pés anoados e por último, carreira libre final para conseguir a tarxeta co Sinsajo que os invitaba a seguir ata a seguinte estación.

No camiño do río agardaban Laura F. e Magdalena, esta vez interpretando a personaxes de Corredores de sombras, que lles propuxeron montar varios puzzles coas runas do libro. Foi máis difícil do que pensaban e aínda tardaron un bo anaco, de feito, como tiñamos algo de présa, non puideron rematar. Do que si dou tempo foi de ler o poema de Paula Carballeira, "As pequenas cousas".

Andando andando chegamos ata o parque. Alí xa estaban preparadas Ainhoa C. e Lucía, caracterizadas de personaxes de Harry Potter.  Tras ler o poema de Carlos Negro "Declaración de independencia", fixéronlle unha proposta ao grupo: decidir cal era a mellor casa, Ravenclaw ou Griffindor. E como decidilo? Pois co xogo máis popular en Howargts, por suposto, o Quidditch.

Aínda había outra proba preparada, a que deseñaran Laura G. e Ainhoa L. sobre O corredor do labirinto, pero desgraciadamente non nos deu tempo a facela pois xa era hora de regresar ao instituto. Para o curso que vén, xa sabemos que precisamos de algo máis de tempo para esta actividade porque por suposto, xa está institucionalizada!

Para o que si deixamos un tempiño foi para unha pequena merenda e coa calor que ía, os zumes baixaron nun intre!

Nas seguintes fotos e vídeos podedes facervos unha idea do ben que o pasamos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario